Friday 26 de April de 2024

Mato reúnese co alcalde de Sada para analizar as necesidades e demandas do concello en materia de augas


O rexedor local trasladou ao departamento autonómico un estudo sobre as inundacións excepcionais que se produciron en marzo, que o Goberno galego analizará

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reuniuse hoxe co alcalde de Sada, Benito Portela, para analizar as necesidades e demandas do concello en materia de augas e, moi especialmente, no eido das inundacións.

Neste sentido, o rexedor local trasladou ao departamento autonómico un estudo encargado polo ente local para analizar as posibles causas das inundacións excepcionais que se produciron en marzo, así como as posibles medidas que se poderían acometer para previr e paliar estas situacións. A conselleira comprometeuse a estudar este documento.

En calquera caso, desde o departamento recórdase que as inundacións son fenómenos inevitables, pero nos que se pode traballar para previr e paliar os seus danos, segundo establece o propio Plan de xestión de riscos de inundación do Goberno galego, que non cualifica a Sada como un Área de especial risco de inundación (ARPSI).

Ademais, cabe lembrar que as inundacións que se produciron en marzo nesta localidade coruñesa foron excepcionais, cunhas precipitacións de carácter extraordinario e que non estaban previstas.